10/03/08

Retrocede a esquerda


A miña primeira reacción ante os resultados das Eleicións de onte foi de fonda decepción. Dando (como daba) por suposta a victoria do PSOE ante o PP o único que ficaba por resolver onte era se esa victoria ía ser por maioría absoluta e se o resto de forzas ían manter unha certa representatividade no hemiciclo após unha campaña eleitoral netamente bipartidista que os medios de comunicación estatais promoveron sen calqueira tipo de reparo.

Como todas e todos sabedes xa a estas alturas a primeira incógnita resolveuse pola vía da maioría simples, o que para min non deixa de ser un alivio. Menos sorte tiven (tivemos) co segundo aspecto do que falaba. A grande maioría das forzas minoritarias no Congreso dos Deputados baixou a súa representación, feito que se deu nomeadamente nas forzas recoñecíbeis da esquerda.

Así, e a pesares de que o BNG conservou ous seus dous escanos, tanto Izquierda Unida como Esquerra Republicana de Catalunya perderon o seu grupo parlamentar, tendo que pasar ambas a partires de agora ao grupo mixto, mentres que Eusko Alkartasuna directamente desaparece da Cámara Baixa.

En resumo, e contando ao PSOE como forza de esquerda (sic) os grupos progresistas teñen hoxe no Congreso un total de 177 escanos frente aos 182 que ocupaban na lexislatura anterior.

Así, o mais probábel semella que o PSOE tenda a pactar coa ultradereita catalana de CIU. Poucos avances sociais veremos nesta lexislatura.

Iso si, agardo estar equivocada.


(Se queredes ver todos os resultados destas Eleicións concello a concello podedes consultalos, como sempre, no web habilitado polo Ministerio do Interior).

Sem comentários: