12/03/08

Camiño a Guantánamo


Nun momento determinado do docudrama The Road to Guantanamo (Michael Winterbottom, 2006) o presidente estadounidense George W. Bush asegura que hai que entender que "esta xente (os presos de Guantánamo) non comparten os mesmos valores que nós" (enténdase nós como sociedade occidental-culta-moderna e civilizada). Inmediatamente despois, vemos imaxes da prisión ubicada na base militar dos USA en territorio cubano e a forma de vida das persoas alí recluídas.

O filme narra a historia de catro amigos británicos de orixe musulmana que en setembro de 2oo1 viaxan ate Paquistán para asistir á voda dun deles. Unha serie de circunstancias fan que rematen sendo capturados pola Alianza do Norte e de aí pasen a mans estadounidenses. Após o seu traslado a Guantánamo permanecen na cadea ate o 5 de Marzo de 2004, cando son trasladados ao Reino Unido para ser postos en liberdade sen cargos.

Non se trata tanto de que os tres protagonistas desta historia (un deles desapareceu en Afeganistán) resultasen ser inocentes (como a maioría dos alí prisioneiros), senón das condicións inhumanas a que someten aos detidos: tortura física e psicolóxica, reclusión sen garantías, incomunicación absoluta, falta do mínimo respeito á dignidade humana...

En fin, un limbo a(i)legal no que nin sequera se atende aos mínimos de humanidade marcados pola Convención de Xenebra. Un exemplo perfecto de como os USA (e Europa detrás deles) utilizan a chamada "guerra contra o terror" para eliminar dereitos de forma sucesiva.

Defenden a democracia eliminando os elementos mínimos que a definen como tal?

(Sei que este tema pode semellar antigo, mas a día de hoxe, máis de 6 anos depois da posta en funcionamento do campo "Delta" de Guantánamo, seguen alí recluídas aínda máis de 500 persoas sen nengún tipo de dereito nin garantía xurídica).

Sem comentários: