29/02/08

Ideas vs Mercadotecnia

Estamos en plena campaña eleitoral. Mítines, cartelaría, valados publicitarios, merchandising de todo tipo, debates en televisión, espazos eleitorais gratuítos...

Non hai forma de evadirse da avalancha de estímulos publicitarios que se nos vén encima, e unha non pode por menos que perguntarse: onde ficou a ideoloxía dentro de todo este espectáculo?

Hoxe unha amiga pasoume imaxes dun mítin do PSOE antonte en Ponferrada. Ben poderían pertencer a un programa televisivo de monólogos humorísticos. Realmente aquí chegamos? Son esas o tipo de cousas que hai que dicer agora para gañar unhas eleicións?

Vexo algunhas imaxes (poucas) de campaña en televisión: a nena de Rajoy (de verdade iso foi o máis destacábel do debate?), os emoticons de ZP, Llamazares queimando fotos en Second Life (eso sí, que non se ofenda ninguén)... e me cuestiono cales serían as virtuais funcionalidades de levar a todos os asesores de comunicación a un gulag siberiano a ver se dunha vez nos enteramos de que defende cada quen. Bon, unha cousa teñen en común: os nacionalistas (periféricos) son mooooi malos!!

Igual é que lle dou demasiadas voltas...

28/02/08

As cifras do terrorismo machista



Vendo os datos que seguen unha se pergunta cal é a violencia que realmente está presente no noso país. Cal é o colectivo que está a sofrer todos os días un terrorismo constante.


78.550
mulleres maltratadas no Estado baixo protección xudicial

71 asasinadas no 2007

17 no que vai de 2008

4 só o martes pasado

2 acotiteladas onte

….

0 minutos no debate do luns.

(vía Escolar.net)

(Perdón pola gravidade, pero é que me poño de moi mal humor...)

27/02/08

Violencia machista


Érgome esta mañá e atópome coa noticia da morte de 4 mulleres no Estado a mans das suas ex-parellas.

Neste momento, e desde comezos de 2008, nun lugar supostamente occidental e avanzado (iso nos din) son xa 15 as mulleres mortas por causa da violencia machista en España.

Sei que nos últimos anos se ten avanzado na lexislación para tentar atallar o problema, mas sen medios económicos para aplicar as leis e, o que é máis importante, sen unha mudanza no sistema educativo que, desde a raíz, ensine aos rapaces e rapazas que a muller non é unha propriedade máis do home, pouco se pode facer frente a este terrorismo de xénero.

Hoxe son pesimista, mas hai moita xente a traballar para que as cousas muden.

26/02/08

Farta!!


Tranquil@s. Non vou falar do espectáculo? televisivo que se montou onte neste Estado para maior gloria dos señores Rajoy e Zapatero.

Do que si quero falar, aínda que non sexa polo miúdo, é do lamentábel momento que está a viver a democracia española. Co bipartidismo instaurado de facto resulta pouco menos que imposíbel escoitar calqueira voz que nos afaste do binómio PP-PSOE/PSOE-PP.

Nesta situación, non podo menos que envexar sistemas políticos como o catalán, cun Parlamento no que seis forzas políticas diferentes poden confrontar ideas tamén distintas que non nos fagan pensar, como é o caso español, que o único que se decide é a alternancia política entre as dúas forzas permanentemente instauradas no poder.