17/04/08

03/04/08

Lingua e política

Olá,

Os nosos políticos non saben falar. Este feito, que semella unha evidencia máis que preocupante, non provoca en Galiza moito máis que algunha broma e moito motivo de cachondeo.

Pola contra, a min paréceme unha constatación gravísima. Nun país normal(izado) calqueira persoa que manifestase de xeito tan evidente un descoñecimento tal da súa língua non é que non puidera chegar a un posto de Goberno, senón que sería considerado un analfabeto.

Aquí semella que vale todo. Dicimos que Touriño, o noso máis alto representante institucional, fala galego. De verdade é isa a língua que sae da súa boca? Algo semellante ocorre co vicepresidente da Xunta de Galicia e que dicer da maioría dos nosos conselleiros e conselleiras?

E esa mesma xente fala de normalización lingüística, elabora un Plano de Normalización (que apenas aplica) e refírese de forma solemne á importancia de que os nosos nenos e nenas aprendan a lingua do país.

Folclore. Desgraciadamente case todo é folclore. E no BNG, a forza nacionalista do país, o idioma é cada vez menos importante para un maior número de dirixentes. En Cataluña, moitos membros do goberno da Generalitat pasan voluntariamente por cursos de catalán para falar correctamente. Que o presidente Montilla fale mal é un problema social; en Galiza só resultaría motivo de broma.

E é que aquí, no noso país, todo semella estar permitido se dis: “eu falo o galego que se fala no meu pobo, non ese de laboratorio que nos queren impor”. Como se todos os anos de escolarización en castelán e de prohibición do galego non tiveran deturpado o que se fala nas casas. Pois ben, falemos todas e todos o gallego que se fala no noso pueblo (que así é como se di no meu) e sigamos deixando morrer a nosa lingua, que ao paso que levamos non superará un par de xeracións.

02/04/08

Bono, presidente do Congreso

Olá,

A elección de José Bono como presidente do Lexislativo non semella unha cuestión menor. En principio, parece normal que a Cámara Baixa estea dirixida por un español; pero que o sexa por un español que nin sequera o nacionalismo máis moderado pode aceptar é ben diferente.

A declaración de principios que fai o Zapatero con esta elección é bastante clara. Agora, e a pesares dos apoios á súa investidura que, case por obriga, ten de buscar nos nacionalismos basco e catalán principalmente, acabáronse as concesións periféricas dos primeiros anos da lexislatura pasada.

O feito do nomeamento de Bono, que xa nas súas primeiras declaracións após a súa proposta oficial falaba de “darles a los nacionalistas con una guía de teléfonos en la cabeza (sic)” non augura bos tempos de entendemento entre os representantes das nacións sen estado e os nacionalistas españois.

A ver que pasa...

01/04/08

Feliz día dos enganos

Di o refrán galego que "O 1 de Abril van os burros onde non teñen que ir".

Desde esta modesta páxina de pequenas ideas queremos facer unha homenaxe a todas as persoas que en Galiza están traballando para recuperar o que é, en realidade, o noso propio día dos inocentes.

Así que xa sabedes, hoxe hai que ter coidado co que escoitades e co que vedes por aí... Pode ser un engano.


Se queredes máis información sobre este día podédela consultar desde aquí.