26/03/08
Penamoa, ou o patio trasero do progreso

Olá,
Hai na Coruña un poboado chabolista chamado Penamoa. Acontece que este poboado se atopa entorpecendo o paso da que se está a chamar "Terceira Ronda" da cidade herculina, o que equivale a dicir que Penamoa é, hoxe por hoxe, máis un incordio que calqueira outra cousa.
Neste lugar habitan agora mesmo, nesto que se dá en chamar "Primeiro mundo", centenares de persoas que malviven nunhas condicións que os benpensantes chaman moi afectadamente "infrahumanas". É dicir: a maioría deles sen auga, sen luz, rodeados de ratas e en ausencia dos servizos públicos mínimos que garantan un algo de salubridade.
Penamoa foi, durante moitos anos, o bairro esquecido da Coruña; e así foi crecendo, e aos pequenos barracóns cedidos polo concello ás primeiras familias que foron alí trasladadas "provisoriamente" (na súa maior parte ciganas) se foron unindo construcións cada vez máis deficientes, familias cada vez máis pobres, co conseguinte incremento do tráfico de drogas, da delincuencia....
E non era un problema demasiado grave, poque non se vía... Mais agora vaise derruír Penamoa, para que chegue "o progreso" e algo hai que facer con toda esa xente. E os mesmos benpensantes que falan das condicións infrahumanas do poboamento se manifestan día si e día tamén para "que lles atopen unha solución, pero o máis lonxe posíbel das nosas casas".
Iso si, nós non somos racistas...
25/03/08
Síndrome post-vacacional
Olá,
Dous días após a reincorporación ao traballo unha segue a pensar nos días de ferias como o mellor estado por natureza para o ser humano.
Cinco xornadas sen pensar nas miserias do mundo en xeral e nas do día a día en particular poden semellar ben poucos, mais asegúrovos que a esta que vos fala lle souberon a gloria.
O único problema está, como sempre, na volta á rutina. En saber que de aquí nunha boa tempada tocará cumprir cuns horarios de merda no curre, coas clases ate ás mil, e coas aburridas xornadas que nos van achegando a unha nova fin de semana.
(Hoxe o apuntamento pode soar breve e máis ben baleiro, pero o cerebro non dá para máis...).
Dous días após a reincorporación ao traballo unha segue a pensar nos días de ferias como o mellor estado por natureza para o ser humano.
Cinco xornadas sen pensar nas miserias do mundo en xeral e nas do día a día en particular poden semellar ben poucos, mais asegúrovos que a esta que vos fala lle souberon a gloria.
O único problema está, como sempre, na volta á rutina. En saber que de aquí nunha boa tempada tocará cumprir cuns horarios de merda no curre, coas clases ate ás mil, e coas aburridas xornadas que nos van achegando a unha nova fin de semana.
(Hoxe o apuntamento pode soar breve e máis ben baleiro, pero o cerebro non dá para máis...).
14/03/08
Outras dúas mulleres asasinadas

Nova muller morta polo terrorismo machista. As súas siglas eran J.C.L. e contaba 54 anos. Foi en Albox (Almería) onte pola noite. O asasino: o seu home, policía local, que lle pegou un tiro e se suicidou despois coa mesma escopeta. Atopounos a súa filla.
E máis unha. Esta vez chamábase Sanaa Haddadi, e era de orixe magrebí. Esta vez en Tarragona. Esta vez apuñalada. Esta vez de 26 anos. Esta vez en plena rúa.
Acabamos de conmemorar, o pasado sábado, o Día Internacional da Muller. Somos extranos os seres humanos. Lembramos que ese mesmo día, no ano1857 e como resultado dun incendio provocado, morren 146 obreiras téxtiles. Eran as obreiras da Triangle Shirt Waist Company d eNova York, que se decararan en folga e ocuparan a fábrica para denunciar as pésimas condicións de traballo e de seguridade. Ante a súa negativa a desaloxar, foron atacadas con bombas incendiarias.
As mulleres asasinadas pola violencia machista poucas veces teñen nome nos informativos convencionais. Só son un número que engadir a unha lista que se pecha dolorosamente mes a mes, ano a ano, como se fora algo inevitábel.
Como se estiveramos a falar dunha simple estatística. Como ao falar dos mortos nas estradas. Hai tantos coches, divididos por tantos desplazamentos, con X variábeis, que nos dan un número de mortos case que consecuencia obvia dos datos anteriores. Coas mulleres semella acontecer o mesmo: tantos homes multiplicados por tantas mulleres, dividido polos séculos de submetimento sexual, cultural, social, económico, relixioso = a tantas mortas por ano. Pois ben, en 2008 xa levamos 19. E se non o tomamos en serio serán moitas máis...
Hoxe pensaba falar de Zaplana. Pensaba falar do ben que lle fará a democracia a desaparición deste individuo da primeira liña da vida política. Pensaba que se as Eleicións do pasado domingo serviron cando menos para para que un dos maiores responsábeis da axfisiante situación política no Estado nos últimos 12 anos deixe de amargarnos os almorzos. Un par de asasinos impedíronmo.
13/03/08
Efectos secundarios da loita pola igualdade
Resulta agora que, no Estado Español, o suicidio é xa a causa máis común de morte entre as españolas de 30 e 34 anos.
Din os profesionais da medicina que o motivo principal deste aumento de suicidios é un maior estrés provocado pola maior esixencia laboral e familiar que sofren con respecto aos homes, e debido ás dificuldades para compaxinar a maternidade coa vida laboral.
En resumo, que ou ficamos en casa como nos recomenda a Igrexa ou estamos condeadas a padecer problemas depresivos de por vida que, nos casos máis graves, poden rematar ate na morte.
Ate que os homes non deixen de "axudar na casa" e empecen a compartir de verdade as responsabilidades do día a día seguiremos falando destas cousas.
Estou triste.
Din os profesionais da medicina que o motivo principal deste aumento de suicidios é un maior estrés provocado pola maior esixencia laboral e familiar que sofren con respecto aos homes, e debido ás dificuldades para compaxinar a maternidade coa vida laboral.
En resumo, que ou ficamos en casa como nos recomenda a Igrexa ou estamos condeadas a padecer problemas depresivos de por vida que, nos casos máis graves, poden rematar ate na morte.
Ate que os homes non deixen de "axudar na casa" e empecen a compartir de verdade as responsabilidades do día a día seguiremos falando destas cousas.
Estou triste.
12/03/08
Camiño a Guantánamo

Nun momento determinado do docudrama The Road to Guantanamo (Michael Winterbottom, 2006) o presidente estadounidense George W. Bush asegura que hai que entender que "esta xente (os presos de Guantánamo) non comparten os mesmos valores que nós" (enténdase nós como sociedade occidental-culta-moderna e civilizada). Inmediatamente despois, vemos imaxes da prisión ubicada na base militar dos USA en territorio cubano e a forma de vida das persoas alí recluídas.
O filme narra a historia de catro amigos británicos de orixe musulmana que en setembro de 2oo1 viaxan ate Paquistán para asistir á voda dun deles. Unha serie de circunstancias fan que rematen sendo capturados pola Alianza do Norte e de aí pasen a mans estadounidenses. Após o seu traslado a Guantánamo permanecen na cadea ate o 5 de Marzo de 2004, cando son trasladados ao Reino Unido para ser postos en liberdade sen cargos.
Non se trata tanto de que os tres protagonistas desta historia (un deles desapareceu en Afeganistán) resultasen ser inocentes (como a maioría dos alí prisioneiros), senón das condicións inhumanas a que someten aos detidos: tortura física e psicolóxica, reclusión sen garantías, incomunicación absoluta, falta do mínimo respeito á dignidade humana...
En fin, un limbo a(i)legal no que nin sequera se atende aos mínimos de humanidade marcados pola Convención de Xenebra. Un exemplo perfecto de como os USA (e Europa detrás deles) utilizan a chamada "guerra contra o terror" para eliminar dereitos de forma sucesiva.
Defenden a democracia eliminando os elementos mínimos que a definen como tal?
(Sei que este tema pode semellar antigo, mas a día de hoxe, máis de 6 anos depois da posta en funcionamento do campo "Delta" de Guantánamo, seguen alí recluídas aínda máis de 500 persoas sen nengún tipo de dereito nin garantía xurídica).
11/03/08
Fidel Castro

E aquí vai unha recomendación.
Onte rematei de ler o libro de conversas entre Fidel Castro e Ignacio Ramonet que na súa edición en galego publica Xerais na súa colección Crónica baixo o título de "A miña vida".
Trátase dun percorrido denso e bastante pormenorizado (dentro das posibilidades do formato) da vida do ate fai nada Comandante en Xefe da Revolución Cubana. Fundamentalmente dos seus case 50 anos ao frente do governo cubano, mas non só.
Castro fala tamén da súa infancia, do seu período de formación, das súas primeiras incursións revolucionarias co ataque ao Moncada... E tamén, a instancias do proprio entrevistador, dos aspectos máis controvertidos do réxime cubano: a relación coa URSS, o embargo estadounidense, a tentativa de invasión en baía Cochinos, o Che Gevara, a emigración a USA, a persecución á disidencia, a pena de morte...
Neste momento, após a recente retirada da primeira liña política de Castro, penso que é un bon momento para que todas e todos os interesad@s pola política internacional e pola incidencia da revolución cubana (para ben e para mal) na esquerda política do século XX lean un documento fundamental sobre unha das principais figuras políticas do mundo no século que rematou.
Subscrever:
Mensagens (Atom)
