Mostrar mensagens com a etiqueta muller. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta muller. Mostrar todas as mensagens

14/03/08

Outras dúas mulleres asasinadas


Nova muller morta polo terrorismo machista. As súas siglas eran J.C.L. e contaba 54 anos. Foi en Albox (Almería) onte pola noite. O asasino: o seu home, policía local, que lle pegou un tiro e se suicidou despois coa mesma escopeta. Atopounos a súa filla.

E máis unha. Esta vez chamábase Sanaa Haddadi, e era de orixe magrebí. Esta vez en Tarragona. Esta vez apuñalada. Esta vez de 26 anos. Esta vez en plena rúa.

Acabamos de conmemorar, o pasado sábado, o Día Internacional da Muller. Somos extranos os seres humanos. Lembramos que ese mesmo día, no ano1857 e como resultado dun incendio provocado, morren 146 obreiras téxtiles. Eran as obreiras da Triangle Shirt Waist Company d eNova York, que se decararan en folga e ocuparan a fábrica para denunciar as pésimas condicións de traballo e de seguridade. Ante a súa negativa a desaloxar, foron atacadas con bombas incendiarias.

As mulleres asasinadas pola violencia machista poucas veces teñen nome nos informativos convencionais. Só son un número que engadir a unha lista que se pecha dolorosamente mes a mes, ano a ano, como se fora algo inevitábel.

Como se estiveramos a falar dunha simple estatística. Como ao falar dos mortos nas estradas. Hai tantos coches, divididos por tantos desplazamentos, con X variábeis, que nos dan un número de mortos case que consecuencia obvia dos datos anteriores. Coas mulleres semella acontecer o mesmo: tantos homes multiplicados por tantas mulleres, dividido polos séculos de submetimento sexual, cultural, social, económico, relixioso = a tantas mortas por ano. Pois ben, en 2008 xa levamos 19. E se non o tomamos en serio serán moitas máis...


Hoxe pensaba falar de Zaplana. Pensaba falar do ben que lle fará a democracia a desaparición deste individuo da primeira liña da vida política. Pensaba que se as Eleicións do pasado domingo serviron cando menos para para que un dos maiores responsábeis da axfisiante situación política no Estado nos últimos 12 anos deixe de amargarnos os almorzos. Un par de asasinos impedíronmo.

13/03/08

Efectos secundarios da loita pola igualdade

Resulta agora que, no Estado Español, o suicidio é xa a causa máis común de morte entre as españolas de 30 e 34 anos.

Din os profesionais da medicina que o motivo principal deste aumento de suicidios é un maior estrés provocado pola maior esixencia laboral e familiar que sofren con respecto aos homes, e debido ás dificuldades para compaxinar a maternidade coa vida laboral.

En resumo, que ou ficamos en casa como nos recomenda a Igrexa ou estamos condeadas a padecer problemas depresivos de por vida que, nos casos máis graves, poden rematar ate na morte.

Ate que os homes non deixen de "axudar na casa" e empecen a compartir de verdade as responsabilidades do día a día seguiremos falando destas cousas.

Estou triste.

06/03/08

Acústico feminino


É o que ten isto da celebración o próximo día 8 do Día da Muller.

Onte na Coruña puidemos disfrutar dun concerto acústico que reuníu nun mesmo escenario a maxia africana das caboverdianas Batuko Tabanka coa tradición feita modernidade das pandereteiras Leilía e a innovación nas melodías mariñeiras da man de Nordestin@s ou, o que é o mesmo, das marabillosas Guadi Galego (Berrogüeto, Espido) e Uxía Pedreira (Chouteira, Marful) -as que para mín son as dúas mellores voces de Galiza, co permiso de Uxía, claro- acompañadas ao piano polo músico de jazz Abe Rábade.

En espectáculos como este, as mulleres só podemos dar as gracias por un concerto deses que che fan sentir, que che fan agardar cousas novas.

20 voces en feminino nun escenario para amosarnos só unha pequena parte do talento que as mulleres levamos dentro.

En resumo. Un espectáculo de mulleres, realizado por mulleres e para todo o mundo.
___

E mentres, En España, "Unha Asociación do Opus Dei imparte cursos en Granada para se converter nunha MULLER 10"

E, en Galiza, "A Subdelegación do Goberno proíbe as Manifestacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres polo 8 de Marzo".