Mostrar mensagens com a etiqueta psoe. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta psoe. Mostrar todas as mensagens

02/04/08

Bono, presidente do Congreso

Olá,

A elección de José Bono como presidente do Lexislativo non semella unha cuestión menor. En principio, parece normal que a Cámara Baixa estea dirixida por un español; pero que o sexa por un español que nin sequera o nacionalismo máis moderado pode aceptar é ben diferente.

A declaración de principios que fai o Zapatero con esta elección é bastante clara. Agora, e a pesares dos apoios á súa investidura que, case por obriga, ten de buscar nos nacionalismos basco e catalán principalmente, acabáronse as concesións periféricas dos primeiros anos da lexislatura pasada.

O feito do nomeamento de Bono, que xa nas súas primeiras declaracións após a súa proposta oficial falaba de “darles a los nacionalistas con una guía de teléfonos en la cabeza (sic)” non augura bos tempos de entendemento entre os representantes das nacións sen estado e os nacionalistas españois.

A ver que pasa...

10/03/08

Retrocede a esquerda


A miña primeira reacción ante os resultados das Eleicións de onte foi de fonda decepción. Dando (como daba) por suposta a victoria do PSOE ante o PP o único que ficaba por resolver onte era se esa victoria ía ser por maioría absoluta e se o resto de forzas ían manter unha certa representatividade no hemiciclo após unha campaña eleitoral netamente bipartidista que os medios de comunicación estatais promoveron sen calqueira tipo de reparo.

Como todas e todos sabedes xa a estas alturas a primeira incógnita resolveuse pola vía da maioría simples, o que para min non deixa de ser un alivio. Menos sorte tiven (tivemos) co segundo aspecto do que falaba. A grande maioría das forzas minoritarias no Congreso dos Deputados baixou a súa representación, feito que se deu nomeadamente nas forzas recoñecíbeis da esquerda.

Así, e a pesares de que o BNG conservou ous seus dous escanos, tanto Izquierda Unida como Esquerra Republicana de Catalunya perderon o seu grupo parlamentar, tendo que pasar ambas a partires de agora ao grupo mixto, mentres que Eusko Alkartasuna directamente desaparece da Cámara Baixa.

En resumo, e contando ao PSOE como forza de esquerda (sic) os grupos progresistas teñen hoxe no Congreso un total de 177 escanos frente aos 182 que ocupaban na lexislatura anterior.

Así, o mais probábel semella que o PSOE tenda a pactar coa ultradereita catalana de CIU. Poucos avances sociais veremos nesta lexislatura.

Iso si, agardo estar equivocada.


(Se queredes ver todos os resultados destas Eleicións concello a concello podedes consultalos, como sempre, no web habilitado polo Ministerio do Interior).

04/03/08

Boa noite, e boa sorte!!

Logreino!! Este vez nin sequera estiven tentada de ver os cinco minutos de pseudo-debate PSOE-PP tal e como fixen fai unha semana. Nada, nin un segundo do meu tempo perdín nesa lamentábel repetición de frases feitas e eslóganes políticos para bobos. Libreime!!!

Mas a alegría non podía ser completa porque, unha vez máis, chega o postdebate. Así ninguén puido salvarme de que hoxe radio, imprensa e televisión me contaran por activa e por pasiva que gañou Zapatero (claro), que o debate foi un algo máis agrio que o primeiro (sen pasarse) e que un millón menos de españolitos fixeron o esforzo de sentarse ante o televisor a escoitar aos dous prohomes (por sorte).

E eu me creo todos eses datos. Faltaría máis!! Mas ao ver hoxe nos informativos de televisión a Zapatero despedindo o debate tal que un Edward R. Murrow de saldo e vido a menos non podo menos que imaxinalo repetindo ante o espello e Sonsoles iso de "Buenas noches y buena suerte" unha e outra vez...

Pero onde deixou a dignidade este home? E que xa non se respeita nada?

03/03/08

Gracias, El País



Leo o especial Eleicións08 do que antes era "Diario Independiente de la Mañana" e agora ficou en "El periódico global en español", que debe de ser moito máis moderno...

Bon, ao que iba. Atopo no especial unha sección desas que che pican a curiosidade. Test ideológico, lle chaman. Dígome a min mesma que por fin vou saber se son votante potencial da Falange Española, de ERC, de Primeira Linha ou do partido Familia y Vida, que todo é posíbel.

Algo empeza a cheirar mal cando respondo as primeiras perguntas. Cuestións do tipo "La iglesia católica mantiene una actitud hostil con el Gobierno?" danme a idea de por onde van ir os tiros. Non desespero, continuamos, que non hai que ser mal pensada... Sexta pergunta: "En caso de crisis económica, el PP se ocupará mejor que el PSOE de los más necesitados"... Ein???

Obviamente o resto xa o tomo a cachondeo. O resultado final dime que son simpatizante do PP. Non asustarse, a única opción alternativa era ser simpatizante do PSOE. Sen máis; ou A, ou B. Vamos, que se estás en contra de algo que fizo ZP eres automaticamente fan enfervorizada de Rajoy.

Por todo isto quero darlle as gracias a El País. Agora eu, como todos os españolitos de pro, sei que debo votarlle ao PP... ou a ZP. Porque senón non existo.

E me pergunto... aínda me ficaba algunha dúbida ao respeito?


29/02/08

Ideas vs Mercadotecnia

Estamos en plena campaña eleitoral. Mítines, cartelaría, valados publicitarios, merchandising de todo tipo, debates en televisión, espazos eleitorais gratuítos...

Non hai forma de evadirse da avalancha de estímulos publicitarios que se nos vén encima, e unha non pode por menos que perguntarse: onde ficou a ideoloxía dentro de todo este espectáculo?

Hoxe unha amiga pasoume imaxes dun mítin do PSOE antonte en Ponferrada. Ben poderían pertencer a un programa televisivo de monólogos humorísticos. Realmente aquí chegamos? Son esas o tipo de cousas que hai que dicer agora para gañar unhas eleicións?

Vexo algunhas imaxes (poucas) de campaña en televisión: a nena de Rajoy (de verdade iso foi o máis destacábel do debate?), os emoticons de ZP, Llamazares queimando fotos en Second Life (eso sí, que non se ofenda ninguén)... e me cuestiono cales serían as virtuais funcionalidades de levar a todos os asesores de comunicación a un gulag siberiano a ver se dunha vez nos enteramos de que defende cada quen. Bon, unha cousa teñen en común: os nacionalistas (periféricos) son mooooi malos!!

Igual é que lle dou demasiadas voltas...

28/02/08

As cifras do terrorismo machista



Vendo os datos que seguen unha se pergunta cal é a violencia que realmente está presente no noso país. Cal é o colectivo que está a sofrer todos os días un terrorismo constante.


78.550
mulleres maltratadas no Estado baixo protección xudicial

71 asasinadas no 2007

17 no que vai de 2008

4 só o martes pasado

2 acotiteladas onte

….

0 minutos no debate do luns.

(vía Escolar.net)

(Perdón pola gravidade, pero é que me poño de moi mal humor...)

26/02/08

Farta!!


Tranquil@s. Non vou falar do espectáculo? televisivo que se montou onte neste Estado para maior gloria dos señores Rajoy e Zapatero.

Do que si quero falar, aínda que non sexa polo miúdo, é do lamentábel momento que está a viver a democracia española. Co bipartidismo instaurado de facto resulta pouco menos que imposíbel escoitar calqueira voz que nos afaste do binómio PP-PSOE/PSOE-PP.

Nesta situación, non podo menos que envexar sistemas políticos como o catalán, cun Parlamento no que seis forzas políticas diferentes poden confrontar ideas tamén distintas que non nos fagan pensar, como é o caso español, que o único que se decide é a alternancia política entre as dúas forzas permanentemente instauradas no poder.