11/03/08

Fidel Castro


E aquí vai unha recomendación.

Onte rematei de ler o libro de conversas entre Fidel Castro e Ignacio Ramonet que na súa edición en galego publica Xerais na súa colección Crónica baixo o título de "A miña vida".

Trátase dun percorrido denso e bastante pormenorizado (dentro das posibilidades do formato) da vida do ate fai nada Comandante en Xefe da Revolución Cubana. Fundamentalmente dos seus case 50 anos ao frente do governo cubano, mas non só.

Castro fala tamén da súa infancia, do seu período de formación, das súas primeiras incursións revolucionarias co ataque ao Moncada... E tamén, a instancias do proprio entrevistador, dos aspectos máis controvertidos do réxime cubano: a relación coa URSS, o embargo estadounidense, a tentativa de invasión en baía Cochinos, o Che Gevara, a emigración a USA, a persecución á disidencia, a pena de morte...

Neste momento, após a recente retirada da primeira liña política de Castro, penso que é un bon momento para que todas e todos os interesad@s pola política internacional e pola incidencia da revolución cubana (para ben e para mal) na esquerda política do século XX lean un documento fundamental sobre unha das principais figuras políticas do mundo no século que rematou.

10/03/08

Retrocede a esquerda


A miña primeira reacción ante os resultados das Eleicións de onte foi de fonda decepción. Dando (como daba) por suposta a victoria do PSOE ante o PP o único que ficaba por resolver onte era se esa victoria ía ser por maioría absoluta e se o resto de forzas ían manter unha certa representatividade no hemiciclo após unha campaña eleitoral netamente bipartidista que os medios de comunicación estatais promoveron sen calqueira tipo de reparo.

Como todas e todos sabedes xa a estas alturas a primeira incógnita resolveuse pola vía da maioría simples, o que para min non deixa de ser un alivio. Menos sorte tiven (tivemos) co segundo aspecto do que falaba. A grande maioría das forzas minoritarias no Congreso dos Deputados baixou a súa representación, feito que se deu nomeadamente nas forzas recoñecíbeis da esquerda.

Así, e a pesares de que o BNG conservou ous seus dous escanos, tanto Izquierda Unida como Esquerra Republicana de Catalunya perderon o seu grupo parlamentar, tendo que pasar ambas a partires de agora ao grupo mixto, mentres que Eusko Alkartasuna directamente desaparece da Cámara Baixa.

En resumo, e contando ao PSOE como forza de esquerda (sic) os grupos progresistas teñen hoxe no Congreso un total de 177 escanos frente aos 182 que ocupaban na lexislatura anterior.

Así, o mais probábel semella que o PSOE tenda a pactar coa ultradereita catalana de CIU. Poucos avances sociais veremos nesta lexislatura.

Iso si, agardo estar equivocada.


(Se queredes ver todos os resultados destas Eleicións concello a concello podedes consultalos, como sempre, no web habilitado polo Ministerio do Interior).

07/03/08

O tren

Este mes, e por motivos que agora non veñen ao caso, tocoume recuperar parte da miña relación(fai tantos anos esquecida) coa RENFE.

O caso é que por dúas veces tiven (teño) que facer un percorrido duns 200 quilómetros nunha máquina desas de gasóleo que avanzan (como poden) polos camiños de ferro. Dixen 200 km? Si. Pois iso traducido a tempo veñen sendo unhas 4 horas (se non hai retrasos, claro). Todo ao módico prezo de 35'55 €. Unha ganga, vamos!

É dicer: máquinas diesel (porque en Galiza, unha vez pasado Monforte, non hai un só quilómetro de vía electrificado nin de doble vía), a velocidade media de 50 km/hora (en Talgo!) e a un prezo que a min me parece escandaloso.

Mas tranquil@s tod@s. Dentro de 12 anos teremos AVE!! (Bon, non é AVE, é Velocidade Rápida, mas en Galiza ben nos chega...). Pasaremos dos trens do século XIX aos do XXI sen solución de continuidade.

Así, mentres o noso sistema de cidades continúa incomunicado (nin sequera hai vía Santiago-Lugo) teremos unhas máquinas que nos levarán moito máis rápido desde A Coruña até Madrid, que é onde imos todas as semanas. Parabenizémonos a n@s mesm@s!! Pagaremos o duplo por uns trens que apenas usaremos mentres seguimos sen cercanías, sen comunicación interna e reciclando como rexionais os cercanías que xa non lles serven en Madrid nin Barcelona.

Gracias ZP!!!!!

06/03/08

Acústico feminino


É o que ten isto da celebración o próximo día 8 do Día da Muller.

Onte na Coruña puidemos disfrutar dun concerto acústico que reuníu nun mesmo escenario a maxia africana das caboverdianas Batuko Tabanka coa tradición feita modernidade das pandereteiras Leilía e a innovación nas melodías mariñeiras da man de Nordestin@s ou, o que é o mesmo, das marabillosas Guadi Galego (Berrogüeto, Espido) e Uxía Pedreira (Chouteira, Marful) -as que para mín son as dúas mellores voces de Galiza, co permiso de Uxía, claro- acompañadas ao piano polo músico de jazz Abe Rábade.

En espectáculos como este, as mulleres só podemos dar as gracias por un concerto deses que che fan sentir, que che fan agardar cousas novas.

20 voces en feminino nun escenario para amosarnos só unha pequena parte do talento que as mulleres levamos dentro.

En resumo. Un espectáculo de mulleres, realizado por mulleres e para todo o mundo.
___

E mentres, En España, "Unha Asociación do Opus Dei imparte cursos en Granada para se converter nunha MULLER 10"

E, en Galiza, "A Subdelegación do Goberno proíbe as Manifestacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres polo 8 de Marzo".

05/03/08

Igrexa e Estado

Hoxe é un día triste para todas e todos os que somos ateos e vivimos neste Estado aconfesional (que non laico) que é España.

A victoria de Rouco Varela (por só 2 votos!!!) nas eleicións da Conferencia Episcopal celebradas onte frente ao (contan) moderado Blázquez nos sitúa de novo ante o poder da banda máis conservadora da Igrexa Católica.

Vendo a actitude da cúpula episcopal en España nos últimos anos, cando Blázquez dirixía as políticas desa gran empresa que dura xa máis de 2000 anos pergúntome como será a actitude que tomará agora o (tristemente) vilalbés Varela. Realmente pode ser máis agresiva?

Depois destes 4 anos de goberno do PSOE e ante a perspectiva que se abre este domingo coa nova lexislatura, medo me dá a influencia que a Igrexa Católica Apostólica e Romana terá sobre as políticas estatais do período que se abre. Veremos que pasa...

04/03/08

Boa noite, e boa sorte!!

Logreino!! Este vez nin sequera estiven tentada de ver os cinco minutos de pseudo-debate PSOE-PP tal e como fixen fai unha semana. Nada, nin un segundo do meu tempo perdín nesa lamentábel repetición de frases feitas e eslóganes políticos para bobos. Libreime!!!

Mas a alegría non podía ser completa porque, unha vez máis, chega o postdebate. Así ninguén puido salvarme de que hoxe radio, imprensa e televisión me contaran por activa e por pasiva que gañou Zapatero (claro), que o debate foi un algo máis agrio que o primeiro (sen pasarse) e que un millón menos de españolitos fixeron o esforzo de sentarse ante o televisor a escoitar aos dous prohomes (por sorte).

E eu me creo todos eses datos. Faltaría máis!! Mas ao ver hoxe nos informativos de televisión a Zapatero despedindo o debate tal que un Edward R. Murrow de saldo e vido a menos non podo menos que imaxinalo repetindo ante o espello e Sonsoles iso de "Buenas noches y buena suerte" unha e outra vez...

Pero onde deixou a dignidade este home? E que xa non se respeita nada?

03/03/08

Gracias, El País



Leo o especial Eleicións08 do que antes era "Diario Independiente de la Mañana" e agora ficou en "El periódico global en español", que debe de ser moito máis moderno...

Bon, ao que iba. Atopo no especial unha sección desas que che pican a curiosidade. Test ideológico, lle chaman. Dígome a min mesma que por fin vou saber se son votante potencial da Falange Española, de ERC, de Primeira Linha ou do partido Familia y Vida, que todo é posíbel.

Algo empeza a cheirar mal cando respondo as primeiras perguntas. Cuestións do tipo "La iglesia católica mantiene una actitud hostil con el Gobierno?" danme a idea de por onde van ir os tiros. Non desespero, continuamos, que non hai que ser mal pensada... Sexta pergunta: "En caso de crisis económica, el PP se ocupará mejor que el PSOE de los más necesitados"... Ein???

Obviamente o resto xa o tomo a cachondeo. O resultado final dime que son simpatizante do PP. Non asustarse, a única opción alternativa era ser simpatizante do PSOE. Sen máis; ou A, ou B. Vamos, que se estás en contra de algo que fizo ZP eres automaticamente fan enfervorizada de Rajoy.

Por todo isto quero darlle as gracias a El País. Agora eu, como todos os españolitos de pro, sei que debo votarlle ao PP... ou a ZP. Porque senón non existo.

E me pergunto... aínda me ficaba algunha dúbida ao respeito?